Publicado por: bandevigo | 2 de Maio de 2011

Para non perderse o 4 en Vigo

Desde o IES Valadares elaboramos esta información sobre parte da viaxe que @s moz@s de Bande van facer á nosa cidade para que vaian abrindo a imaxinación. O día da viaxe tamén entregaremos esta información xunto cun plano do centro da cidade.

Ogallá lle saquemos proveito.

“PERCORRIDO dende a praia de Samil ata o Parque do Castro, pasando polo Museo do Mar, Bouzas, Berbés, Casco Vello, a Porta do Sol e a Rúa do Príncipe.

Praia de Samil: Este areal – así era e aínda é coñecido polos veciños de certa idade na zona – recibe o seu nome do lugar ou aldea de Samil, situado na parroquia de Navia, ubicada entre a praia e a desembocadura do río Lagares. Os fitos destacados da zona son: o museo VERBUM, o hotel, o monumento que simboliza a Europa (mitoloxía) e outro moito menos coñecido e humilde, situado segundo se vai cara ao Museo do Mar pola Avda. Atántida onda a praia das Fontes, dedicado aos republicanos que foron alí asasinados durante a Guerra Civil.

Museo do Mar: Dende a praia, polo piñeiral e a estrada, chegamos deseguida ao antigo Matadoiro, hoxe Museo do Mar. Entre outras cousas propias do museo está o minisubmarino construído na fundición de Sanjurjo Badía – onde se fundiron grande parte das barandas metálicas de balcóns e galerías que podedes ollar por grande parte de Galicia – co obxeto de vixiar un posible ataque norteamericano durante a guerra de Cuba a finais do século XIX. Tamén podemos ver alí  parte dos restos dun antigo castro costeiro, instalado naquela punta mariña.

Bouzas: Vila antiga, noutro tempo Concello, importante nas pesquerías dende hai séculos. Conserva un minúsculo casco vello, a igrexa tamén noutra punta  e unha alameda rectangular. Hoxe en día o porto pesqueiro de altura e o depósito-embarcadoiro da factoría Citroën son o máis destacado.

O Berbés (1 no plano): Antiga praia-porto pesqueiro da cidade de Vigo en funcionamento ata case a metade do século XX, inda que xa existiran nesta data parte das instalacións modernas actuais. Hoxe totalmente en seco, consevando (moi mal, pero en proxecto de restauración) o típico asoportalado no que se desenvolvían no pasado os labores de descarga, escabechado e salgado e se arranxaban as  redes. Formou un barrio á parte, fóra das murallas modernas abaluartadas. Pola Rúa Real (número 2 no plano) subían carros e animais cargados de pescado camiño do interior de Galicia e a península, en especial cara ao Ribeiro, do que retornaban con bocois de viño para consumo das vilas mariñeiras e a exportación ao Cantábrico e á Europa atlántica. Por esta rúa – fixádevos no pavimento  romboidal – ascendemos a través do casco vello vigués. Preto da cima  atopamos, entre outros edificios senlleiros, a Colexiata  (número 3 no plano)(hoxe Con-Catedral con Tui, a Sé orixinaria do bispado), a Biblioteca Municipal central, a sé do  Instituto Camoens (antiga Casa de Almeida. Hai que ter en conta que dende o  mundo romano e medieval ata a denominada Guerra da Independencia e mesmo hoxe todo o sur de Galicia estivo historicamente moi relacionado con  Portugal) e o edificio do antigo Concello vigués na Praza da Constitución (número 4 no plano) – hoxe ocupado pola Fundación Fermín Penzol na que se garda a doazón documetal e bibliográfica doada por este home -, praza que gardou sorprendentemente tal denominación durante o período ditatorial franquista, caso único en toda Galicia. Da muralla moderna non queda nada, soamente os nomes das portas ou dalgún baluarte (A Laxe) hoxe desaparecido, resucitado unicamente na  denominación dun centro comercial, dende cuxos accesos, próximos á Colexiata, podemos obter unha vista sobre a Estación Marítima, na que embarcaron e desembarcaron milleiros e milleiros de galegos cara América ata mediados dos anos cincuenta do século XX.

Pola Porta do Sol (número 5 no plano) chegamos á Rúa do Príncipe (número 6 no plano).

Rúa do Príncipe: Recibiu este nome en honra do infante herdeiro Alfonso  XII, devanceiro do actual monarca, Xoán Carlos I. Ten un trazado rectilíneo, que continúa durante varios kilómetros, por ser deseñada como comezo da primeira carretera ( de carretas = coches de cabalos)  de Ourense e Madrid.  Tamén comunicaba coa estación do ferrocarril, inagurada en 1881. Ata tempos recentes, coa chegada das grandes superficies, constituíu a rúa comercial e de paseo por excelencia máis famosa e concorrida da cidade. O  edificio máis  destacado a nivel cultural é o museo MARCO, produto dunha reconversión na que se transformou o vello Palacio de Justicia y Cárcel del Partido, cuxa estrutura carceraria conserva e pode aprezarse nidiamente no interior. Fixádevos na  data de inauguración que figura na fachada e pensade que, ao contrario que  hoxe en día no que os centros penitenciarios se esconden en paraxes   apartadas, afastadas da visión pública cidadá, fóra das cidades e grandes núcleos de poboación (lembrade as ubicacións actuais dos establecementos penitenciarios de Pereiro de Aguiar, A Lama, Monterroso ou Curtis ), nese tempo sucedía o contrario, pois colocábanse no espazo máis notable das urbes, do mesmo xeito que no mundo medieval se instalaban as forcas (lembrade topónimos como coto da forca ) en outeiros dominantes sobre os camiños principias, á saída de vilas e cidades.

Na confluencia das rúas  Príncipe, Colón e Urzaiz podemos dicir inda hoxe que está o CENTRO da cidade, malia que este vai desprazándose ou subdividíndose no presente cara aos populosos barrios periféricos como o das Travesas.

Diríase que o hábitat, que descendeu primeiro do castro cara ao porto, foi logo estendéndose, xirando arredor daquel asentamento primitivo ata ocupar hoxe grande parte do Val de Fragoso. Isto podémolo comprobar logo de subir ao Parque do Castro (número 7 no mapa), dende o miradoiro privilexiado que posúe para contemplar tamén como as mansas augas do océano pechadas na ría de Vigo abrazan a cidade.”



Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: