Publicado por: bandevigo | 23 de Maio de 2011

O 23 de maio na Baixa Limia. Outra xornada para lembrar

O encontro ás portas do IES Aquis Querquernis deu comezo a unha nova xornada de convivio entre os alumnos deste instituto e os do IES Valadares. Tras amosar o centro aos visitantes, dirixímonos todos ao campamento romano que dá nome ao instituto, situado á beira do río Limia, e en boa parte asolagado polas augas do encoro das Cunchas. Logo de aprendermos algo máis sobre o pasado remoto que nos é común aos galegos, dirixímonos á capela de Santa Comba de Bande, unha xoia da arte visigótica na península ibérica.

Dende alí fomos ao lugar onde xantamos, un parque á beira do encoro antes nomeado, cunhas fermosas vistas de toda a ribeira e, enfronte, o campamento de Aquis Querquernis.

Tras o xantar dirixímonos ao último punto da visita: a localidade de Rio Caldo, lugar con augas termais onde nos poderiamos dar un cálido ou refrescante baño, ao gusto do consumidor. Mais o realmente interesante for0n unhas pozas ás que fomos dar logo dunha pequena camiñata por unha verea practicamente cha. Alí disfrutamos da frescura e pureza das augas que caían en fervenza dende máis de cincuenta metros, formando pequenos cadoiros en varias alturas ata formar as pozas. Puidemos somerxernos, practicar o salto de altura, tomar o sol… cos únicos testemuños naturais da vexetación e unhas poucas ras asombradas que fuxiron perante tanto barullo.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Podemos dicir que, aínda que o programa de intercambio deste curso quedou concluído nesta xornada, quedamos vezados para o próximo ano realizar unha xornada, aínda que só unha sexa, de convivencia entre os mozos dos dous institutos. Que as amizades xurdidas perduren moitos anos!

Publicado por: bandevigo | 14 de Maio de 2011

Experiencia moi interesante

O intercambio foi unha experiencia moi interesante, persoalmente eu paseino moi ben. Xa estou desexando ir para alá!

Julio César, Valadares

Publicado por: bandevigo | 13 de Maio de 2011

O 23 de maio, á Baixa Limia

Dende o IES Aquis Querquernis de Bande envíannos recado co programa da visita para o día 23:

10.30 Chegada ao instituto e recepción. Percorrido polo centro.

11.00 Partida cara ao campamento que lle dá nome ao centro.

12.00 Partida a Santa Comba de Bande.

12.45 Marcha a Maus de Salas. Visita aos dolmens.

13.15 Ida ao merendeiro situado a rentes do encoro. Xantar

14.30 Ida a Río Caldo. Andaina, de 1,5 Km, pola “Ruta da Fecha”. Volta. Baño nas augas quentes.

18.30 Marcha cara a Vigo.

Lémbrase aos alumnos do IES Valadares que leven comida e bebida para a xornada, pois no percorrido non hai posibilidade de mercar nada.

Recoméndase, asemade, que leven calzado cómodo e roupa de baño (toalla para o secado). Para maior comodidade, cabe a posibilidade de levar dúas mochilas, unha para os víveres e outra para a roupa (poderán deixarse no bus durante os percorridos).

A hora aproximada de chegada a Vigo será sobre as 20.30 e non haberá servizo de transporte escolar.

Publicado por: bandevigo | 11 de Maio de 2011

Xornada en Vigo, 4 de maio

O pasado mércores saímos do instituto ás 10:15 cara ao museo do Mar, onde nos iamos encontrar cos nosos compañeiros de Bande.

Cando chegamos  ao Museo do Mar presentámonos e falamos un pouco con eles. Eles entraron no museo e nós fomos andando ata Samil para facer tempo.Voltamos ao museo e fixemos grupos todos mesturados para ir andando ata Bouzas por unha ruta que había ao carón da praia. En Bouzas collemos o bus ata o porto, e dende o porto fomos andando ata o Castro,cousa que nos deixou a todos cansados. Estivemos vendo a Ría de Vigo e as vistas que había dende alí. A eles parecéronlles moi bonitas. Collemos novamente o bus e voltamos todos xuntos ao intituto para xantar.

Xantamos todos xuntos,e ao remante botaron un partido. Logo os profesores prepararon unhas actividades para relacionármonos e coñecernos máis.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Ás catro os alumnos de Valadares marchamos para as nosas casas, e os de Bande foron cara a Moaña en barco.

Ángela Molares, Antía Bastos e Silvia Freiría

IES Valadares

Publicado por: bandevigo | 6 de Maio de 2011

Parabéns

Pois nada, compañeiros; só darvos os parabéns pola vosa visita por Vigo, espero que cando veñades aqui sexa do voso agrado!!!!!!!!!
UNHA APERTA E ATA O 23!!!!

XISCO

Publicado por: bandevigo | 4 de Maio de 2011

Que tal a primeira xornada?

Hoxe foi un día intenso e esgotador. Fomos á praia, estivo o momento sempre emocionante de coñecer novos compañeiros, coñecemos lugares novos  (tamén os do IES Valadares),  andamos moito, queixámonos por andar moito, subimos tropecentos chanzos en tropecentas escaleiras, volvemos queixarnos, quizais teñamos feito o inicio dunha boa e duradeira amizade, tiramos fotos a esgalla, xogamos, comemos xuntos, e mesmo algúns privilexiados acabaron viaxando en barco.

Aquí dispoñedes dun espazo para vosoutros, alumn@s de Valadares e Bande, para que nos relatedes a vosa visión máis íntima deste encontro: como o vivistes, que vos pareceu, que foi o que máis vos gustou ou chamou a atención… Gustaríanos coñecer a vos opinión. Para participar, como non podedes escribir directamente no blogue, tedes que enviar un mail a este enderezo co voso comentario:

                   oprofexoan@gmail.com

Se o escrito se axeita aos principios de respecto de demais normas que a boa educación e sentido común nos ditan, aparecerá publicado na maior brevidade posible.

Vémonos axiña por terras ourensás.

Publicado por: bandevigo | 2 de Maio de 2011

Para non perderse o 4 en Vigo

Desde o IES Valadares elaboramos esta información sobre parte da viaxe que @s moz@s de Bande van facer á nosa cidade para que vaian abrindo a imaxinación. Ler máis

Publicado por: bandevigo | 22 de Abril de 2011

Entrimo, o Amazonas de Galicia

Deixados atrás os terribles incencios forestais dos últimos días, demos no Xornal de Galicia con esta nova, que subimos ao blogue para coñecermos máis dese fermoso concello ourensán. Preme AQUÍ para ler.

Publicado por: bandevigo | 15 de Abril de 2011

Os “jambusinos”

Ola, que tal?

Somos Paula, Natalia, María José, Jenni e María

A María José gústanlle moito  as tradicións e decidiu recoller un conto que agora vos enviamos.

O conto di así:

Dous homes atópanse cun amigo e dinlle:

–          Imos aos “jambusinos”?

–          Vamos  – dixo o outro.

Ao chegar ao monte os dous homes dinlle ao outro:

–          Ti quedas acá  á beira deste penedo. Toma este saco, axeónllate e queda co saco aberto. En canto veñan os “jambusinos” tes que dicir: “jambusinos ó saco a tres e a catro lapadoira”

Os outros dixéronlle que ían facer saír os jambusinos para que os metese no saco; pero eles o que fixeron foi marchar para a casa e deixaron ao home só no monte.

Se por esa zona tamén tedes tradicións gustaríanos coñecer algunha.

Publicado por: bandevigo | 11 de Abril de 2011

SOMOS DE VIGHO E FALAMOS ASÍ

O noso instituto está situado nun lugar chamado A Sobreira, pertencente á parroquia de Valadares ( Vigo). Valadares está aproximadamente a 9 km de Vigo. É unha parroquia onde, malia a proximidade con Vigo, se mantén aínda unha vida bastante rural: trabállanse as leiras, a xente ten animais (ovellas, pitas, cuxos, porcos…), faise vida comunitaria ( xógase a partida na casa da veciña, temos un banco do tempo), particípase en moitas das actividades que se organizan no Centro Cultural, hai unha grande cultura musical ( Valadares conta cunha banda de grande sona que gaña concursos alá onde vai)….

Canto á nosa lingua,  podemos dicir que é unha zona maioritariamente galego-falante, mais nós, o alumnado, en moitos casos deixamos o galego na casa.

Desde o punto de vista das varidades diatópicas, isto é, das variedades que dependen da zona de orixe dos e das falantes, nós pertencemos ao BLOQUE OCCIDENTAL, con características como o pronome suxeito TI, a gheada pronunciada ao xeito tradicional, como unha aspirada farínxea ou larínxea, e que ademais facemos evoluír ata –NC- no caso de –NGH- (DOMINGHO- DOMINCO ), o plural das palabras que acaban en –N faise en –NS  ( CANS), seseo total (COSIÑA, LUS).

Para os e as que xa estudastes estes temas, dirémosvos que dentro do bloque occidental estamos na área pontevedresa, na macrosubárea Verdugo-Miño, na subárea do Verdugo, e por último, na microsubárea Morrazo- Fragoso (vede no mapa -picade nel para ampliar-  o lugar onde está debuxado un punto vermello  [C-2b]).


Explicando isto de xeito menos técnico, nós aquí “ MIRAMOS”  todo, aquí incluso “miramos a televisión”. Vós dicides así? Non, seguro que aí en Bande “ vedes a televisión”. O demostrativo invariable é ISTO, o masculino ESTE e o feminino ESTA.  Mais o que máis nos caracteriza é o tipo de seseo, un seseo predorsodental ou predorsal que nos leva a outros fenómenos:

– O CECEO, aínda que minoritariamente,: “cazar” por “casar”

–  A DESPALATALIZACIÓN DO  X  : “ hose” por “ hoxe” .

(“O Suso cazouche cunha mosa moi seitosa” )

Esta última característica fai que con frecuencia cometamos erros, pois escribimos con S onde normativamente debe ir un X ( “souba” por “xouba”, “mesar” por “mexar”).

E xa máis nada por hoxe.

Á espera de vérmonos e de oírmonos, un saúdo para todas e todos do alumnado de 4º ESO.

Older Posts »

Categorías